(2004) A participación social na transformación do territorio [SP]

Domingo 19 de octubre de 2003, por Web

Todas las versiones de este artículo: [Español]

Martínez López, M. & Lorenzo, A. (2004). A participación social na transformación do territorio [Social participation in the transformation of territory]. In X. Souto & R. Marques (Eds.), Participación cidadá e desenvolvemento local no Eixo Atlántico: Monforte e Chaves [Citizen participation and local development in the Atlantic Axis: Monforte and Chaves]. Vigo: Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, p.35-86. Available at http://www.miguelangelmartinez.net/...


Neste traballo preténdese articular unha visión crítica da participación urbana e unha proposta de orientar a súa promoción en contextos institucionais. Trátase, xa que logo, dun difícil equilibrio que nos obriga a fiar coherentemente os argumentos, principios, exemplos e recomendacións enunciadas. En primeiro lugar, optamos por unha estratexia de definición da participación cidadã en ámbitos espaciais que considere o conflicto social, a complexidade e a creatividade social, cultural, económica e política derivada de experiencias participativas. Non obstante, consideramos esencial examinar de forma realista os principais obstáculos e as limitacións máis persistentes que se presentaron nas últimas décadas para a participación pública no urbanismo: desinformación, incomprensibilidade da linguaxe técnica, dificultades para manexar globalmente o crecemento urbano, etc.

Son eses problemas da participación os que nos levarán, na última parte deste texto, a facer algunhas suxestións específicas para superalos. Pero antes serán expostos dous casos de participación urbana en cidades galegas (Vigo e Santiago de Compostela) para demostrar as potencialidades democráticas que tales experiencias exhibiron. Destacaremos, nese sentido, a xénese deses procesos, as capacidades de organización e expresión das organizacións populares implicadas neles, e o tipo de relacións mantidas cos gobernantes municipais. Por suposto, cada caso é un mundo e insírese en contextos sociais irrepetibles. Non obstante, podemos comprobar cómo estes dous ponen en práctica, cun amplo rango de actividades e máis en variados graos de afondamento, os trazos cos que identificamos a participación urbana no primeiro epígrafe deste texto: autonomía, descentralización, aprendizaxe, contradiccións, etc. Son historias, por tanto, que reforzaron, ao noso xuízo, as iniciativas de participación cidadá. Non pode volverse atrás, pero si reconstruílas, repensalas e, sobre todo, tirar conclusións para o futuro a partir do seu exame crítico.

O terceiro epígrafe dedícase a darlle maior concreción ás reflexións teóricas e empíricas anteriores. Desexamos non perder polo camino a perspectiva holística e crítica que nos advirte sempre sobre as incertezas e delicadas relacións sociais que axexan a todo proceso participativo. Pero tamén pensamos que é necesario cultivar: é dicir, traducir en propostas operativas as consecuencias lóxicas (e ideolóxicas) que se derivan do exame da participación urbana e animar a que se experimente con elas. Debido á importancia que tenen, no nivel municipal, os procesos de planeamento e de xestión urbanística, optamos aquí por definir algúns principios e tarefas prácticas ás que Iles dar prioridade por parte de técnicos e políticos municipais cando se comprometan honestamente a promover procesos participativos nas políticas públicas. Non se trata dun catálogo exhaustivo e, como diciamos, cada "deber ser" e cada "recomendación técnica" han de observarse en función das reflexións anteriores e do contexto particular de aplicación.