(2005) A rehabilitación urbana dos centros históricos e a política de vivenda [SP]

Miércoles 19 de octubre de 2005, por Web

Todas las versiones de este artículo: [Español]

Martínez López, M. (2005, October 19). A rehabilitación urbana dos centros históricos e a política de vivenda. Retrieved from http://www.miguelangelmartinez.net/...


A investigación transdisciplinar sobre a problemática dos centros históricos ten avanzado notablemente nos últimos anos. Ese conxunto de estudos induce, ante todo, a unha avaliación crítica das políticas de rehabilitación urbana emprendidas, especialmente no que atinxe ás dimensións sociais e residenciais dos centros históricos. Tanto a concepción deses espazos urbanos e das poboacións que os habitan, como as accións urbanísticas procurando a súa rehabilitación, son o resultado dunha longa historia de irregularidades, cos seus avances e retrocesos, cos seus discursos manifestos e efectos latentes.

Moitas das políticas de austeridade e salvagarda de tres décadas atrás, cunha profunda inmersión do urbanismo de rehabilitación en políticas sociais (de participación, de vivenda social no centro urbano, de control dos prezos de aluguer, etc.) e co horizonte dunha apropiación popular, democrática, diversa e enriquecedora dos espazos centrais da cidade foron perdendo folgos en favor de accións máis simplificadoras, tendentes á terciarización dos centros históricos, á súa privatización, ao museísmo ou á complementariedade aberta con accións duras de renovación urbana.

Neste traballo examinarei eses procesos acontecidos nos centros históricos das cidades integrantes do Eixo Atlântico. As limitacións do estudo obrígannos a seleccionar só algúns trazos, dimensións e cidades dese ámbito. En todo caso, preténdese percibir cáles son as pautas comúns nesta realidade. Ao mesmo tempo, desexo salientar aquelas prácticas que poidan servir de exemplo a seguir ou a evitar para outras cidades veciñas das consideradas con máis detalle.

A estrutura do texto consiste, en primeiro lugar, en presentar unha aproximación teórica que defina as políticas de rehabilitación urbana e algunhas das súas dimensións críticas. En segundo lugar, exporei o contexto xeral da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal (Eixo Atlántico) relativo ás políticas de rehabilitación e o seu grao de desenvolvemento nos centros históricos das súas cidades. Trátase de dar continuidade, desde un novo punto de vista, ao principal estudo precedente para este ámbito territorial (Pérez Babo et al., 1996), polo que, a continuación, describirei comparativa e moi sinteticamente algunhas das características das intervencións neses centros históricos. En cuarto lugar, examinarei dous casos específicos representativos do carácter integral e a longo prazo das políticas de rehabilitación urbana: Santiago de Compostela e Guimarães. Por último, indicarei algunhas suxestións e pautas significativas de intervención a ter en conta nas políticas de rehabilitación urbana.