(2001) Urbanismo de rehabilitación no centro histórico de Vigo. Unha investigación social participativa [SP]

Viernes 19 de octubre de 2001, por Web

Todas las versiones de este artículo: [Español]

Martínez López, M. (2001). Urbanismo de rehabilitación no centro histórico de Vigo. Unha investigación social participativa [Urban Rehabilitation in the historical centre of Vigo. A participatory social research]. Vigo: University of Vigo, p.199. Available at http://www.miguelangelmartinez.net/...


Presentación

Este libro ocúpase dos centros históricos das cidades, dos planos de rehabilitación urbana que se lles aplican e das posibilidades de participación social das comunidades e clases populares que habitan nesas zonas. Preténdese clarificar qué dinámicas sociais e urbanísticas son as máis salientables na configuración destes espacios singulares en moitas das grandes e medianas cidades, especialmente nas tres últimas décadas, nas que se foi impoñendo o discurso da “rehabilitación”, a “rexeneración”, a “revitalización”, etc.

As mitificacións culturais, a diversidade social que realmente habita os barrios históricos, as problemáticas intencións e consecuencias na elaboración de planos urbanísticos con maior ou menor vocación “integral” e o uso da información que fan os colectivos sociais organizados ou informais que interveñen na construcción e reconstrucción dun centro antigo, son algúns dos elementos fundamentais da presente investigación.

En todo caso, aquí vou recoller só algunhas desas perspectivas de socioloxía urbana aplicada ao centro histórico de Vigo e centrarei a miña contribución nas dimensións da participación urbana que coñecín e promovín durante un par de anos nese lugar.

Todo comezou cando en 1994 me vin involucrado nun dos proxectos do Plan Comunitario do Casco Vello de Vigo. As persoas activistas desa “coordinadora” de organizacións sociais do barrio querían coñecer de forma exhaustiva a situación do parque inmobiliario, a súa ocupación e a relación da poboación habitante do barrio cos primeiros pasos das intervencións rehabilitadoras que se estaban a dar polo Concello no barrio. A iniciativa foi apoiada polo propio Concello e do estudio que comezamos daquela un grupo de persoas con formación técnica (é dicir, universitaria) xunto con algúns veciños e veciñas, fun elaborando sucesivas interpretacións e análises nos anos seguintes.

Coido, pois, que paga a pena expoñer algúns dos resultados daquel orixinal proceso de “investigación-acción-participativa” (-i-a-p-, dende agora) e da miña particular visión do acontecido neste barrio, polo que poidan contribuír a experiencias semellantes e, tal vez, a adoptar unha reflexión socialmente “sensible” nas vindeiras intervencións urbanas que a veciñanza ou a municipalidade propoñan no futuro.

Neste escrito poderá observarse un estilo académico na redacción, con xustificacións de fontes teóricas e informativas e con argumentacións “densas” sobre a complexidade da historia narrada que, como se pode supoñer, pode afastar da súa lectura ás clases populares do barrio. Isto explícase porque considero, en primeiro lugar, que algúns dos estudios consultados nestes anos sobre os problemas sociais e urbanísticos dos centros históricos, eran insuficientes para os meus obxectivos. Xa que logo, pagaba a pena aproveitar a miña vinculación paralela coa Universidade para indagar en todas as referencias teóricas dispoñibles e recompoñer teoricamente algunhas das ideas principais que nos poden axudar a dar sentido á investigación que emprendín. En segundo lugar, como se verá despois, xa se fixeron no seu momento exposicións públicas da información acadada no proceso de –i-a-p-, especialmente entre a poboación do barrio histórico, en distintos formatos e niveis de linguaxe máis accesibles e directamente comprensibles para ela (ou, cando menos, iso é o que se pretendía).

De cara á súa publicación nalgunhas revistas académicas e de cara á súa exposición nalgúns cursos universitarios, fun reelaborando algunha daquela primeira información producida no equipo de investigación. Mesmo algunha colaboración que me foi solicitada para a publicación do Plan Urban ou para a revisión do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do barrio histórico de Vigo, poden dar unha idea dos variados rexistros nos que as miñas conclusións foron tomando forma. O presente libro, en conclusión, é un breve compendio de todos eses traballos, sintetizando o que me parece máis valioso para un coñecemento profundo desta temática.

O primeiro capítulo subliña os contidos básicos do libro, dando unhas notas do proceso metodolóxico e participativo experimentado, así como das dimensións da realidade social dos centros históricos que lle deron sentido á investigación. O segundo capítulo explica máis polo miudo esas claves teóricas que axudan a entender socioloxicamente o que ocorre nos centros históricos e coa aplicación do urbanismo de rehabilitación. No terceiro capítulo percorremos a historia urbana e social do núcleo histórico de Vigo, e no cuarto entramos a fondo nos trazos sociais que sinalan a súa heteroxeneidade interna. No quinto capítulo faise unha exposición bastante condensada do desenvolvemento da –i-a-p- nese mesmo barrio histórico de Vigo no que tomei parte. Por último, considerei conveniente incluír no capítulo sexto unha revisión ampla dos fundamentos e principios metodolóxicos da –i-a-p- debido ao desoñecemento existente sobre esta perspectiva de indagación sociolóxica. Por desgracia, este descoñecemento é máís frecuente do que sería deseable, pero tamén espero que abra novas pistas para outras persoas que compartan as inquedanzas que a –i-a-p- pretende encarreirar.

Heilles agradecer a moitas persoas o feito de que compartiran comigo aquela andaina dunha ou doutra maneira, apoiando a investigación, participando nela ou, simplemente, animándome a continuar no esforzo de reflexión sobre este tema, na súa divulgación e na súa reconstrucción para diversos fins. Son demasiados nomes como para arriscarme agora a esquecer algún. Especialmente quero lembrar aquí a todas as persoas dinamizadoras do Plan Comunitario Casco Vello que demostraron, en moitas ocasións, a sensibilidade e a reflexión imprescindibles para un traballo de auto-investigación coma o emprendido. Por suposto, tamén inclúo a todas as persoas do barrio que se apropiaron da información feita pública ou que participaron das actividades propostas.

Todas as eivas ou erros que se poidan apreciar responden, seguramente, á miña lectura subxectiva da historia deste barrio, e a maior parte do aprendido e acertado, moi probablemente, foi gracias ao achegado por todas esas persoas que me axudaron a somerxerme nesa realidade. Os cambios no barrio sucedidos nos últimos anos, de calquera maneira, poden amosar hoxe en día novos problemas que, posiblemente, estimulen a outros investigadores e investigadoras a novas reflexións. Só espero que esta experiencia sexa de utilidade para veciños, veciñas, activistas e técnicos e técnicas que aposten por este estilo, para min máis democrático e educativo, de facer investigación social, urbanismo de rehabilitación e intervención comunitaria. En todo caso, seguramente necesitamos axiña novas actualizacións da realidade deste singular barrio e nese labor os veciños e veciñas do barrio teñen aínda moito que dicir.