Books / Urban Sociology

Urbanismo de rehabilitación no centro histórico de Vigo. Unha investigación social participativa

Martínez, M. (2001) Urbanismo de rehabilitación no centro histórico de Vigo. Unha investigación social participativa. Vigo: Universidade de Vigo.

Este libro ocúpase dos centros históricos das cidades, dos planos de rehabilitación urbana que se lles aplican e das posibilidades de participación social das comunidades e clases populares que habitan nesas zonas. Preténdese clarificar qué dinámicas sociais e urbanísticas son as máis salientables na configuración destes espacios singulares en moitas das grandes e medianas cidades, especialmente nas tres últimas décadas, nas que se foi impoñendo o discurso da “rehabilitación”, a “rexeneración”, a “revitalización”, etc.

As mitificacións culturais, a diversidade social que realmente habita os barrios históricos, as problemáticas intencións e consecuencias na elaboración de planos urbanísticos con maior ou menor vocación “integral” e o uso da información que fan os colectivos sociais organizados ou informais que interveñen na construcción e reconstrucción dun centro antigo, son algúns dos elementos fundamentais da presente investigación.

En todo caso, aquí vou recoller só algunhas desas perspectivas de socioloxía urbana aplicada ao centro histórico de Vigo e centrarei a miña contribución nas dimensións da participación urbana que coñecín e promovín durante un par de anos nese lugar.

Todo comezou cando en 1994 me vin involucrado nun dos proxectos do Plan Comunitario do Casco Vello de Vigo. As persoas activistas desa “coordinadora” de organizacións sociais do barrio querían coñecer de forma exhaustiva a situación do parque inmobiliario, a súa ocupación e a relación da poboación habitante do barrio cos primeiros pasos das intervencións rehabilitadoras que se estaban a dar polo Concello no barrio. A iniciativa foi apoiada polo propio Concello e do estudio que comezamos daquela un grupo de persoas con formación técnica (é dicir, universitaria) xunto con algúns veciños e veciñas, fun elaborando sucesivas interpretacións e análises nos anos seguintes.

Coido, pois, que paga a pena expoñer algúns dos resultados daquel orixinal proceso de “investigación-acción-participativa” (-i-a-p-, dende agora) e da miña particular visión do acontecido neste barrio, polo que poidan contribuír a experiencias semellantes e, tal vez, adoptar unha reflexión socialmente “sensible” nas vindeiras intervencións urbanas que a veciñanza ou a municipalidade propoñan no futuro.

O primeiro capítulo subliña os contidos básicos do libro, dando unhas notas do proceso metodolóxico e participativo experimentado, así como das dimensións da realidade social dos centros históricos que lle deron sentido á investigación. O segundo capítulo explica máis polo miudo esas claves teóricas que axudan a entender socioloxicamente o que ocorre nos centros históricos e coa aplicación do urbanismo de rehabilitación. No terceiro capítulo percorremos a historia urbana e social do núcleo histórico de Vigo, e no cuarto entramos a fondo nos trazos sociais que sinalan a súa heteroxeneidade interna. No quinto capítulo faise unha exposición bastante condensada do desenvolvemento da –i-a-p- nese mesmo barrio histórico de Vigo no que tomei parte. Por último, considerei conveniente incluír no capítulo sexto unha revisión ampla dos fundamentos e principios metodolóxicos da –i-a-p- debido ao desoñecemento existente sobre esta perspectiva de indagación sociolóxica.

Full book

Published: 1 de xaneiro do 2001
Keywords: Methods, Spaces, Activism