Book Chapters / Urban Sociology

A rehabilitación de dous centros históricos: Vigo e Santiago de Compostela

Martinez, Miguel A. (2005) A rehabilitación de dous centros históricos: Vigo e Santiago de Compostela. En X.M.Souto (coord.) Sistema urbano e desenvolvemento sustentábel. Segundos Estudos Estratégicos do Eixo Atlântico, Ourense: Eixo Atlântico do Noroeste Peninsular.

O casco vello de Vigo constitúe o centro histórico da cidade que máis deterioro sufriu nas últimas décadas. O planeamento de protección inicialmente aprobado (un PERI, en 1991) e as intervencións urbanísticas e de rehabilitación levadas adiante na última década, non foron suficientes para alterar substancialmente a evolución deste barrio. Coa redacción dun novo PEPRI e a ampliación das medidas de rehabilitación (mediante convenios entre varias Administracións e entidades) ábrese un novo período para as posibles melloras neste ámbito.

Na Memoria Xustificativa do PEPRI apóstase pola “rehabilitación integral” do barrio histórico. Ese concepto apuntaría a tres procesos: 1) a conservación dos valores de todo tipo (urbanísticos, arquitectónicos, ambientais, paisaxísticos, morfolóxicos, etc.) existentes na actualidade; 2) a recuperación de valores existentes no pasado e agora desvirtuados ou desaparecidos (nos eidos construtivos, productivos, culturais, morfolóxicos, etc. e, sobre todo, con relación ao mar); 3) a creación de novos valores que incrementen a calidade de vida nesta zona.

Os procesos de intervención urbana no centro histórico de Santiago de Compostela merecen unha atención especial por varias razóns: 1) Foron algúns dos máis precoces en actuar, tanto no contexto galego como no estatal e no atlántico galego-portugués; 2) Tiveron por ámbito de acción un conxunto arquitectónico e monumental de gran relevancia internacional (foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO) e moi habitado (como espazo de centralidade para os residentes da cidade e como espazo turístico para os visitantes); 3) Combinaron amplos recursos económicos e humanos con actuacións diversificadas; 4) Amosaron as faces máis exitosas politicamente ao mesmo tempo que puxeron en evidencia algúns dos problemas e disfuncións presentes na evolución dos centros históricos da maior parte de cidades grandes e medianas.

Na actualidade, a aparencia do centro histórico é a dun lugar con intensos e variados usos sociais dos espazos públicos, de bos estados de conservación arquitectónica e, cando non, de dinámicos procesos de obras de reforma e reconstrucción. Tamén é un barrio (ou conxunto de barrios, máis ben) moi cobizado na cidade e cada vez con prezos máis elevados de compra-venda e de arrendamento, o que se pode verificar nos animados fluxos de transaccións e mediacións inmobiliarias. Sen embargo, cómpre descubrir as causas que deron lugar a esta situación e as dimensións máis ocultas desa realidade.

Full chapter

Published: 19 de outubro do 2005
Keywords: Spaces, Housing